sexta-feira, 3 de setembro de 2010

Noitarega:Xosé Oliveira, Telmo Costas, Fernando Costas, Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez

Falar de Noitarega non é falar dun grupo novo, é falar dunha banda lendaria dentro do panorama da música tradicional galega que soubo gañarse a pulso o respecto e cariño do público. Pasou xa moito tempo dende aquel ano 1989 no que Xosé Oliveira, Fernando Costas e Xosé María Gutiérrez fundaron o grupo resistindo ao paso do tempo dun xeito máis que digno. Precisamente, para conmemorar os seus 21 anos de existencia, Noitarega ofrécennos “XXI”, un disco gravado nos Estudios Muu de Vigo baixo a produción de Pedro Feijoó e do mesmo grupo que, fiel ao seu estilo, nos amosa a clara evolución da banda e que conta cunhas colaboracións de luxo: Anxo Pintos (Berrogüetto), Ernesto Campos, Xaime Estévez (Os Terribles de Donas) ou Luís “O Caruncho”, entre outros.
Ao longo destes anos Noitarega foi colleitando numerosos premios, como os do Concurso Folclórico “Sementeira” de Cambre ou o Concurso de Gaitas de Ponteareas, ofrecendo innumerables actuacións tanto por toda a xeografía galega e española (Auditorio Caixanova de Vigo, Festival Internacional de Mérida, Expo 92 de Sevilla, Casa de Galicia de Madrid, Palau de Congressos de Montjüic de Barcelona, etc.), coma en Francia (Burdeos), Portugal (Lisboa) ou mesmo nos Estados Unidos (Nova York, Nova Jersey ou Connecticut), compartindo escenario con artistas da talla de Berrogüetto, Luar na lubre, Xosé Manuel Budiño ou Susana Seivane, e consolidándose como un dos maiores expoñentes da música tradicional galega e como un embaixador da cultura galega por todo o mundo.
Musicalmente falando, tanto os concertos como os traballos discográficos do grupo veñen ser un fito no que respecta a unha nova interpretación da música tradicional galega, xunguindo o sabor do tradicional con novas e rechamantes opcións instrumentais e interpretativas, todo isto conseguido cunha base instrumental netamente autóctona (gaita, zanfona, tamboril, bombo, pito pastoril, requinta, tarrañolas, culleres, pandeireta, ferriño, pandeiro, etc.) máis realizando uns arranxos totalmente anovadores, como a combinación de gaitas en diferentes tons, zanfona con pito e requinta ou misturas de diferentes aparellos percusivos.


Podes ver o vídeo do seu tema Muiñeiras




Para descargar este vídeo en formato 3gp e levalo no teu móbil, clica aquí


Agradecer a colaboración de Xosé Oliveira, músico e mestre de músicos, un dos gaiteiros que nos fixeron namorar da música hai anos (uns pouquiños...), e agradecer tamén a Noitarega o pracer que nos proporciona comprobar que hai cousas que nunca cambian, como a música tradicional tocada co agarimo con que o facedes vos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário