terça-feira, 16 de novembro de 2010

Concerto de BellónMaceiras Quinteto

Este venres 19 de novembro, concerto de BellónMaceiras Quinteto no Porriño (Bar Liceum) ás 23:30h.


Bellón Maceiras Quinteto achéganos a unha fusión entre novo folk e músicas do mundo, en que a improvisación ten un papel importante. A gaita e o acordeón, xunto co contrabaixo, guitarra, batería e saxofón ofrecen unha viaxe musical na que diversos estilos e ritmos de amálgama se complementan cunha ampla variedade de composicións propias. A fusión é o sinal de identidade de BM5, e a contribución musical de cada compoñente é a que marca o particular son do grupo. Os músicos teñen total liberdade para expresarse, ceibes de ríxidas faixas estilísticas.
Do seu gusto por mesturar nace o que eles mesmos definen como “espicho”, a introdución de partes dunha melodía coñecida dentro doutra peza. No presente disco a gaita sae da súa cuncha para interpretar tango, swing, muiñeira, blues, habanera, jazz, samba, valse francés… Non agarden escoitar un só estilo e gocen coa música.
Dani Bellón posúe un dos currículos máis importantes do mundo da música tradicional en Galicia, sendo o gaiteiro máis laureado da historia, avalado por máis de 40 premios no seu haber. Diego Maceiras comezou formando parte da Banda de Gaitas "Airiños de Fene", da que segue formando parte hoxe en día, coa que consegue varios premios, acordeonista dende os 11 anos da man de diversos profesores, forma parte de grupos como Rumbadeira, Eiravedra, Mama Cabra... Juan "Cabe", guitarrista do grupo, tamén de Fene, membro de Os Cempés, cun estilo e carácter inconfundible. Miguel Lamas é o batería do grupo, forma parte de bandas como Voodoo, Chiculate, LTCD... Juan Tinaquero é contrabaixista e compaxina a súa labor de actor de dobraxe coa música, formando parte dos Bluesmakers dende hai 15 anos.